Gonzalo Bello
Enxeñaría Industrial, especialidade en Organización Industrial (2008) | UVigo
Cooperación internacional en África
O sistema de saúde en Mozambique é moi débil, tanto en infraestruturas como en capacidades humanas, loxística e servicios de mantemento. Se consideramos ademais o grao de contaxios entre o persoal sanitario que está habendo en países europeos pódese esperar unha incidencia aínda maior aquí (Mozambique non estivo afectado polos brotes de ébola e os seus profesionais non recibiran este tipo de formacións preventivas), de modo que o impacto da pandemia no sistema público de saúde pode ser enorme.
Hoxe acaba de confirmarse o terceiro caso e espérase que agora os números de infectados aumenten, así como as medidas preventivas e restritivas do goberno. Polo de agora só se aconsellan medidas de hixiene, prohíbense reunións de mais de cincuenta persoas e fecháronse escolas e universidades. O goberno tamén decidiu non dar visados novos a persoas que están fóra do país, e cancelou aqueles visados que non foran aínda utilizados. Por outra parte, facilita a renovación de visados dentro do país. No referente a medidas sanitarias, estanse preparando hospitais en cada provincia para tratar a enfermos graves e hai acordos con hospitais privados para dar apoio.
Algunhas institucións limitan o número de persoas que poden estar dentro das súas instalacións, o que ocasiona aglomeracións fóra. É habitual que se pida lavar/desinfectar as mans na entrada.
Un problema para estranxeiros que están aínda en Mozambique son as conexións aéreas. Moitas compañías aéreas cancelaron, ou teñen previsto cancelar, os seus voos desde Mozambique. Ao que se una que varios Hubs rexionais fecharan o acceso (ou é previsible que o fagan en breve) a voos desde Mozambique. É de destacar, e agradecer, o gran servizo informativo e de apoio que están ofrecendo os servicios consulares da Embaixada de España en Mozambique. En caso de necesidade de información sobre vías de saída de Mozambique con destino a España, a Embaixada debería ser unha das fontes a consultar.
Para o noso traballo (proxectos de post-emerxencia despois do ciclón Idai) as medidas adoptadas polo goberno xa está a afectar as nosas actividades posto que distribucións ou formacións son desaconsellables pola aglomeración de persoas que implican (e temos que considerar tamén que estaríamos levando a traballadores potencialmente co virus a áreas bastante illadas e que en principio teñen menos risco de contaxio). Hai certas medidas de traballo administrativo e técnico que podemos facer por teletraballo, pero o traballo de campo con máis risco só pode ser posposto ou cancelado.
No país o teletraballo non é unha opción que sexa aplicable a un elevado número de persoas, pola natureza dos traballos que o mercado laboral ofrece e sobre todo pola alta incidencia do sector informal na economía.
Medidas restritivas à actividade económica poden ter un gran impacto na sociedade ao deixar a boa parte da poboación sen ingresos (ou con estes moi minorados), pode provocar escaseza de produtos esenciais (nun país que importa alimentos) e alta inflación, non só pola falta de produtos senón pola propensión à especulación que sofre Mozambique. Todo isto pode ter impacto na seguridade en medio prazo.