Amosando publicacións coa etiqueta Bélxica. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Bélxica. Amosar todas as publicacións

martes, 21 de abril de 2020

Ángel Catalina | Licenciado en Ciencias Económicas | Bruxelas

Ángel Catalina Rubianes
Licenciatura en Ciencias Económicas e Empresariais/Sección Económicas (1998) | UVigo
Traballa na Comisión Europea en Bruxelas

É xa 21 de abril, por tanto xa un mes e medio traballando desde a casa e coa nena na casa sen escola.

A crise da COVID amósanos que a ficción non existe, que o impensable poder suceder e instalarse nas nosas vidas. 

Os seres humanos, polo menos a maioría deles, somos adaptativos e facemos nosa case que calquera rutina por diferente que esta sexa respeito á que estabamos afeitos.

Traballar desde a casa facendo fronte a problemas coa rede, facer reunións cada dous días con colegas por teleconferencia ou axudar á nena cos deberes mentres contestas a un e-mail ou rematas unha simulación macroeconómica nunha folla Excel convértese no máis normal do mundo poucos días despois de non poder sequera imaxinalo.

A vida fóra volveuse aínda máis atípica e irrecoñecible que na casa. Bruxelas, unha cidade ruidosa e até caótica e sempre e chea de xente e de toda clase de vehículos con ou sen motor nun día calquera de semana, fíxo súa o silencio, un delicioso silencio. Aparecen paxaros ou patos en lugares inverosímiles, o ar sítese máis limpo e as bicicletas emerxen como vehículo supremo e domiñante durante esta etapa de confinamento. Si, de confinamento. O Goberno belga decretouno na metade do mes de marzo e prolongouno até o 4 de maio pero subliñando que as saídas á rúa están autorizadas e que mesmo aconsella facer deporte ao ar libre aos cidadáns.

Porén, o rei sol non se quixo perder este momento histórico e loce brillante case que todo os días deixándonos uns agradables e excepcionais vinte graos diarios case a diario. 

Aínda que o número de falecidos por habitante por COVID é dos máis elevados de Europa, o Goberno belga xa anunciou o inicio do desconfinemnto a partir do 4 de maio aínda que de forma gradual. A primeira-ministra anunciará o venres os detalles sobre quen voltará antes e quen máis tarde á antiga "nova normalidade". A Comisión Europea, na que traballo e que ten aos seus 30 000 empregados facendo teletraballo, anunciará o seu plano de transición ao mesmo tempo. Será estraño agora que xa estabamos afeitos a isto e se cadra será descoñecido pero nos habituaremos sexa o que sexa porque somos seres humanos. 

luns, 6 de abril de 2020

Miguel Ángel Varela | Enxeñeiro Industrial | Bruxelas

Miguel Ángel Varela Sánchez
Enxeñaría Industrial, especialidade en Automática e Electrónica (1994) | UVigo
Traballa na Directorate-General International Cooperation and Development da Comisión Europea en Bruxelas 

A situación, mais aló do xa coñecido e publicado na prensa nacional Le Soir e La Libre Belgique (confinamento decretado un día antes que en España pero sen o peche da actividade económica non esencial) é menos alarmante que en España. O problema é que as condicións do confinamento non son estritas, e os belgas (e especialmente a xente que vive en Bruxelas, que é moi diversa) están saíndo a pasear de forma multitudinaria. Veremos cual é o impacto disto na evolución da situación.

O Sistema de saúde local é excelente e a ocupación dos hospitais aínda está moi lonxe de chegar a ser crítica. Porén, a falta de EPIs e outro material específico é unha gran preocupación dende o primeiro día. Unha mostra máis da gravísima falta de previsión dos estados membros da UE neste -como noutros- aspectos.

Algo que contrasta moito co caso español -máis certamente non só estes días, senón de forma xeral- é a forma na que os responsables políticos se someten ás preguntas dos xornalistas. Aquí é impensable que a equipa de comunicación de alguén vaia filtrar as cuestións que os xornalistas, e mesmo os cidadáns, queiran facer. A transparencia é total.

Outra característica do sistema político belga que ofrece material de estudo especialmente interesante para España é o seu dislocado grao de descentralización. Cando o Ministerio de Saúde ten que tomar unha decisión vése na obriga de convocar a sete ministros de saúde mais!!! Sí, sete. Parece unha broma, mais as competencias de saúde están dispersas entre oito entidades administrativas (federal, rexional, federacións de rexións, comunidades lingüísticas, comunas...). Un disparate descomunal que responde ás continuas cesións de soberania resultado das loitas pola independencia dos flamengos, basicamente. Un estado disfuncional que xa amosou todas as suas carencias con ocasión do atentado terrorista de hai catro anos. Estes graves problemas derivados do vaciado do nivel federal do estado son equivalentes aos existentes en España debido á configuración do estado autonómico. Nunha situación como a que nos toca vivir faise patente en todas as súas dimensións o absurdo do sistema político que nos dimos os españois.

Pensar nunha UE poderosa, dotada de mecanismos de resposta europeos fronte a emerxencias deste tipo é un exercicio de funanbulismo da fantasia. O nativismo e a falta de visión estratéxica dos cidadáns, impulsados polo populismo e estulticia dalgúns dos líderes politicos conducirán a Europa á irrelevancia e aos seus pobos a repetir os erros do pasado.

Persoalmente, o confinamento resulta ser unha situación moi agradable. Podo teletraballar, a familia está comigo e xuntos podemos disfrutar da chegada da primavera desde a nosa terraza orientada ó sur, nun barrio privilexiado de Bruxelas que nos ofrece todo o que precisamos nun radio de 100 metros.

venres, 3 de abril de 2020

Nuria Sánchez | Dra. Enxeñeira Industrial | Gante

Nuria Sánchez
Enxeñaría Industrial, esp. en Mecánica (2006) | UVigo
Doutora en Enxeñeria de Materiais (2010) |  Universidade de Ghent
Vive desde 2005 en Gante (Flandres)
Traballa en ArcelorMittal

A resposta de Bélxica á COVID-19 foi máis coordinada do que cabía esperar dun país fragmentado por nacionalismos e sen conseguir formar goberno dende as últimas eleccións celebradas hai case un ano. 

A historia é parecida a doutros países, o SARS-COV-2 chegou a Bélxica a principios de febreiro en persoas evacuadas de Wuhan, na rúa a vida seguía con normalidade. O 11 de Marzo reportáronse as tres primeiras mortes por COVID19, o goberno decidiu fechar os bares, as escolas, fechar as tendas ao fin de semana excepto as de alimentación e recomendou o teletraballo. Estamos todos na casa dende entón teletraballando coa tele de fondo mentres os pequenos ven os debuxos ou seguen as clases online. O día 17 de marzo fecharon definitivamente as tendas, excepto alimentación e farmacias. Uns días máis tarde fecharon as fronteiras. 

A maior diferenza con España é que en Bélxica saír á rúa é posible e recomendado para facer exercicio ao ar libre; pero con xente da casa ou con amigos, mantendo a distancia recomendada (1,5 m). Hai bastante discusión sobre esta media porque a policía quer que se definida mellor, como en Francia, onde está limitado o tempo e a distancia da casa. 

Unha das medidas máis aplaudidas do goberno (temporal) foi a organización a principios de marzo dun comité de científicos epidemiólogos a virólogos, para xestionar a crise que aconsella o goberno na toma de decisións. Este grupo de científicos son os portavoces que cada día dan a cifras oficiais, son entrevistados polos medios de comunicación, participan nos programas de opinión da televisión... noutras palabras, convertéronse nos protagonistas estas semanas, foi unha boa maneira de evitar politización da crise. 

As estatísticas a estas alturas son tan preocupantes coma noutros países, aínda distan das terribles noticias que chegan de Bergamo ou Madrid. Os medios reportan cada día os casos de ingresados en hospitais, ingresados na UCI, altas e baixas. Os problemas aos que se enfronta Bélxica son moi similares ao resto de países: falta de capacidade para facer test, problemas de abastecemento de material de protección para persoal sanitario, número limitado de camas na UCI... A cifra total de baixas e superior a 1000 persoas e a ocupación da UCI anda preto do 50% de media, despois de case tres semanas de mobilidade reducida. Até fai uns dias a capacidade de análise era de 2000 test por día, agora aumentou a 10000 por día. Nun país de 11 millóns de habitantes parece pouco probable que cada caso de infección se detecte con esta capacidade.