Ye Rodríguez (Ye Broussolle en Francia)
Licenciada en Tradución e Interpretación Galego-Francés (2006) | UVigo
Vive e traballa como profesora de español nun instituto público na Illa da Réunion (Océano Índico/Francia) desde setembro de 2007
Na Illa da Réunion estamos algo máis protexidos do virus ca en Europa grazas á insularidade e a calor.
Contamos con menos de 400 casos de Coronavirus, dende hai dous días xa non hai ningún caso novo e non contamos con ningunha morte. Como hai poucos casos todos poden recibir unha atención médica de cantidade e de calidade.
O confinamento non é moi difícil xa que temos bo tempo, calor, casa con xardín e piscina privados. Teño un neno de tres anos co que temos que xogar e facer algunhas actividades pero é un tempo precioso que pasamos en familia (o meu home, o meu neno e mais eu). Teño moita sorte de ter unha familia tan marabillosa.
O traballo estame a resultar bastante complicado pero vaise facendo. Son profesora de lingua estranxeira (español) funcionaria do estado francés nun instituto (alumnos de 15 a 18 anos). Dou clases virtuais aos alumnos e poño actividades e videos na plataforma do centro para que os alumnos teñan unha continuidade escolar. Francia decidiu este sistema inda que a Selectividade será avaliada con control continuo e as notas do confinamento non contan. Isto dificulta un pouco a presenza dos alumnos, como xa están aprobados pois non veñen a clase en liña.
As clases virtuais son complicadas porque non todas as conexións son boas, os micros non funcionan sempre e ao alumnado cústalle máis participar, todo é menos espontáneo.
En principio estamos confinados ata o 11 de maio coma todo o territorio francés pero vista a evolución da illa, o estado francés quere facer unha rexión piloto de desconfinamento a partir do 4 de maio, inda que nada está decidido. Dame algo de medo esta decisión, pero haberá que facer o esforzo sempre e cando os aeroportos da illa sigan pechados.
O desconfinamento como profesora…. Moitas preguntas sen resposta : cantos alumnos na sala? Trinta alumnos nunha sala de 40m2? Que medidas de seguridade adoptar (máscaras, luvas, etc)? Como lavar as mans de 1000 alumnos con só 20 lavabos? A verdade é que me asusta bastante. E que facer do meu neno na escola infantil? Os cativos non saben respectar as regras de hixiene….
Este é un momento duro pero o máis importante é a lección que saquemos desta experiencia. A familia e os amigos son moi importantes. A nosa sociedade sen os sistemas públicos non funciona (persoal sanitario, educativo) e os empregos non deben menospreciarse (caixeiro, repoñedor, agricultor) porque grazas a eles todos estamos sobrevivindo a esta crise.
Deica pronto!