sábado, 12 de decembro de 2020

Noelia González | Enxeñeira Industrial

Noelia González Vila

Enxeñaría Industrial (2008) | UVigo

Traballa como Lead Systems Engineer en Zühlke Group en Munique, Freistaat Bayern (Estado Libre da Baviera)

Tivemos un lockdown relativamente suave na primavera, comparado con España ou outros países. As saídas para pasear e facer deporte sempre estiveron permitidas (individualmente ou en pequenos grupos de familiares conviventes), e os parques infantís mantivéronse abertos. Dábame moita pena pensar nos meus sobriños (de 6 e 1,5 anos) e os nenos e nenas en España, que tiveron que permanecer moitas semanas na casa. O uso de máscara na rúa non era obrigatorio, só nos espazos cerrados ou no transporte público. 

Desde marzo eu traballo desde casa. Traballo en consultoría e estaba acostumada xa anteriormente a traballar “en remoto” cos clientes ou con colegas doutras oficinas, polo que o meu día a día operativo no traballo non sufreu un grande cambio, e a empresa xa dispoñía de toda a infraestrutura necesaria. Bótanse de menos os cafés, comidas e charlas informais cos compañeiros, pero tentamos compensar iso con reunións virtuais regulares. Eu estou na área de enxeñaría de Hardware de sistemas, e nesta área si que notamos algo de desaceleración de novos proxectos cos clientes, pero nós non tivemos que entrar en ERTE. Moitas empresas alemás, por exemplo na industria de automoción, si que sufreron ERTES ou mesmo reducións de persoal. Para apoiar á economía, en xullo introduciuse unha redución do IVE do 19% ao 16%, que durará, en principio, ata final do 2020. En calquer caso, Hardware é a área de negocio máis pequena da miña empresa. A nosa especialidade é dixitalización, polo que este ano, contra todo pronóstico, foi realmente un ano cun volume de negocio alto. Por exemplo, fomos responsables do desenvolvemento da aplicación de seguimento de contactos Covid-19 para o sistema de saúde do Reino Unido. Todo un fito de negocio, e tamén a nivel técnico, para a nosa empresa. 

Penso que no verán e ata novembro, a “nova normalidade” levábase bastante ben. Os encontros sociais eran outra vez posibles, se ben nos espazos pechados había que manter as condicións de distanciamento social.  Podíanse realizar outra vez actividades deportivas en grupos ou ir ao cinema. Loxicamente, este ano suspendeuse a grande festa muniquesa do Oktoberfest.   

O sistema sanitario na Alemaña non chegou a un estado de saturación, pero en vista de que o número de contaxios continuaba crecendo, o 1 de novembro entrou en vigor un novo semi-lockdown. Os restaurantes, museos e instalacións deportivas tiveron que pechar de novo, pero as escolas e comercios permanecen abertos. A mediados de novembro establecéronse restricións máis estritas e posteriormente un toque de recollida obrigatorio de 21h a 5h, e o goberno alemán acordou compensar os negocios que tiveron que pechar en novembro e decembro co 75% da facturación que xeraran neses meses no ano 2019. 

Para min, e creo que para moita outra xente, este segundo lockdown está a ser máis duro, o cansazo mental nótase, e ao ser outono/inverno, anoitece moi pronto, algo antes das 5 da tarde aqui en Munique. Este ano hai que facer un esforzo especial para compensar esta falta de luz natural! 

Agora mesmo estamos tendo datos de contaxios e falecementos máis altos que na primavera, e o goberno de Merkel xunto cos Bundesländer están discutindo establecer un lockdown aínda máis estrito antes do Nadal…

Pero non hai que perder a esperanza de que a situación mellore pronto. Ademais, unha das vacinas con mellores perspectivas provén da empresa alemana BioNTech, e os investigadores principais son un matrimonio de orixe turca. A súa historia está aparecendo nos medios como un exemplo moi positivo da integración de inmigrantes na Alemaña.