Silvia Gómez
Licenciatura en Ciencias do Mar (2012) | UVigo
Vive e traballa como Investigadora Postdoc en Valparaíso
Dende o ano 2013 vivo en Chile onde realicei o meu doutoramento en Ciencias da Acuicultura. Agora mesmo os proxectos de investigación nos que estaba traballando están parados, polo que estou escribindo os artigos científicos que teño pendentes.
A situación en Chile non é doada, o país ven dunha revolta social moi forte que comezou en outubro de 2019. Esta situación, que xa viña mantendo a economía dunha forma ralentizada, xurdiu pola profunda desigualdade que existe, a privatización de case todos os sectores básicos e a pouca seguridade social que ten a maioría da poboación. De feito, o día 27 de abril íase realizar un plebiscito para decidir a formulación dunha nova Constitución, que agora se aprazou pola situación actual.
A miña situación é privilexiada, pero Chile é un país cun nivel de desigualdade elevado e onde moita xente traballa “ó día” de maneira informal e sen ningún tipo de contrato. Esa xente segue a saír ás rúas para poder sobrevivir neste tempo de incertidume.
Agora mesmo, as fronteiras atópanse pechadas, e o Goberno decretou o que chamaron “corentena dinámica”, que consiste en que só algúns sectores de Santiago (con máis de 7 millóns de habitantes) e algunhas cidades se atopan en corentena total dende hai 2-3 semanas. O resto de lugares teñen unha “corentena preventiva” ou recomendada. O que si se decretou en todo o país foi o toque de queda nocturno, polo que se debe estar na casa de forma obrigatoria dende as 10pm ata as 5am. Ó parecer, algunhas destas medidas poderían estar funcionando, xa que o aumento dos contaxios está sendo lineal e non exponencial ata o de agora, e os falecementos non superan os 100 casos en total. Tamén pode ser debido a que aquí a media de idade é menor en comparación con Europa.
Dende o 16 de marzo foron suspendidas as clases dende a educación infantil ata a universidade, e a maioría de centros educativos están realizando as súas clases vía virtual. Os lugares públicos como cines, teatros, centros comerciais, bares ou restaurantes tamén están pechados.
Chile é o país de América Latina que máis test está a realizar na súa poboación. De todos os xeitos, o modo de conteo e as estatísticas acerca do virus xeran algunhas dúbidas e o seguemento das persoas contaxiadas non sempre é efectivo. É por isto que o Colexio Médico declarou que o Goberno debía ser máis transparente cos datos e informar de xeito máis veraz á poboación.
Dentro de todo este panorama, quero destacar que Chile é un país moi solidario, a súa xente está moi acostumada a desastres naturais que afectan a esta zona periodicamente, como terramotos, tsunamis ou erupcións volcánicas. Teñen un sentido da solidariedade e de axuda mutua que eu boto en falta en España. Non me queda dúbida de que sairán desta, e con máis forza para pedir as condicións que estaban a esixir antes do inicio desta pandemia.
Moita forza a tod@s, e ánimo!