Licenciatura en Economía (2010) | UVigo
Executivo en Vendas Sénior (esp. en software de maquinaria) en Berlín
A miña historia en Berlín comeza fai case sete anos, con moitas experiencias no meu peto, tanto persoais coma profesionais. Algunhas delas pasarán cos anos a zona de arquivo, pero o que está a suceder nas últimas datas, penso que será moi complicado de esquecer. Tomando coma referencia os datos de hoxe, a 25 de marzo de 2020, Alemaña ten case 36000 infectados polo coronavírus e 187 falecidos, dos cales 1645 danse en Berlín, cun total de 4 falecidos de momento. Seguindo estes números, podemos ver que Galicia xa ten mais casos confirmados de COVID-19 que a cidade de Berlín, tendo esta última case un millón máis de habitantes que a nosa terra.
Algún poderá pensar que a poción máxica que explique estas diferenzas sexan a Weizenbeir (cervexa de trigo) ou as salchichas Bratwurst, pero penso que hai outros factores ao meu entender que están tendo unha maior influencia:
- A media de idade en Berlín é moi nova, co cal o risco de que o virus sexa letal e de propagación é moito menor. Moitos contaxios en Alemaña producíronse en medias de idade moito menores as de España, que controlados non transmitiron a enfermidade.
- Alemaña ten unha cultura moi individualista, poucos fillos maiores de idade viven cos seus pais. Berlín por exemplo, está chea do que se denomina WGs, pisos compartidos pola mocidade. España polo contrario, é unha cultura moi colectivista, tamén as veces ocasionada polo arrastre dos últimos anos de crise económica, que fai que moitos fillos sigan convivindo na residencia familiar cos seus pais e incluso avós, sendo un foco de contaxio inmediato a persoas de alto risco.
- Orientación o resultado e eficiencia por parte das institucións e da sociedade en xeral en Alemaña. Penso que dende o comezo se tomou con seriedade os primeiros casos detectados, illando dende o comezo aqueles de maior risco e controlando o problema dende a raíz. Os laboratorios especializados fixeron moitos tests e non se produciron situacións de pánico entre a sociedade, como sucedeu no éxodo de Madrid a distintas cidades do noso país, expandindo de maneira inmediata a epidemia. Tampouco vexo casos "Mercadona" nos principais supermercados da cidade, ven é certo que mercar papel hixiénico xa se está convertindo nun desafío o estilo Tom Cruise na saga Misión Imposible.
A nivel persoal quero que pase todo isto canto antes; levo 14 días de encerro na casa, comezando unha semana antes que o Estado de Alerta en España. Boto de menos especialmente facer deporte (fútbol sala, squash), non podo nin ir a adestrar co meu equipo e a quedada para a cervexa posterior.
En Alemaña non temos a mesma situación restritiva que en España por agora, xa que o goberno de Angela Merkel deu unha serie de normas a respectar, pero tamén polo que está pasando no meu país, penso que psicoloxicamente e por respecto "aos nosos", eu quedo na casa. Hai moita xente aquí que non o fai, pero así é Berlín, a cidade na que a liña entre a liberdade e a libertinaxe é tan curta que ás veces non se percibe. En canto a nivel laboral se refire, estou traballando en remoto e non teño problema algún en non ir a oficina, xa que podo desempeñar as miñas funcións con acceso a internet.
Din que do malo e do pasado é do que máis se aprende, confío que así sexa e que o futuro nos poda outorgar unha aperta de recoñecemento a unha mellora desta sociedade.