Licenciatura en Tradución e Interpretación (1997) | UVigo
Vive e traballa en Berlín
Desde a Universidade de Vigo pedides unha crónica sobre como se está a vivir o coronavirus en Berlín, o meu lugar de residencia. Ademais, resaltades a baixa taxa de mortalidade rexistrada en Alemaña a pesar do alto número de contaxios. A min paréceme que estas cifras se deben máis á casualidade ou a que hai menos vellos infectados que a outra cousa.
O exemplo que teño a man é o dun amigo meu. O día 15 de marzo comezou a sentirse mal e ao día seguinte xa quedou na cama con febre. Os síntomas eran moi semellantes aos do coronavirus: tose, febre e, catro ou cinco días máis tarde, dor de pulmóns e tose moi seca. Como el non tiña enfermidades crónicas e ten 27 anos, non chamou ao número de asistencia ata que a gripe lle chegou aos pulmóns. Chamou máis de dez veces e en todas lle dixeron que quedase na casa ou que chamase ao 112 cando se sentise moi mal. Unha vez que o remitiron a un médico de cabeceira, dixéronlle que non admitían máis pacientes e colgáronlle sen máis. O día 25 xa estaba practicamente recuperado, pero chamou outra vez para saber se podía saír da casa. Aí foi cando lle recomendaron facer o test, así que foi facelo o día seguinte. O test fixéronllo nunha tenda especialmente habilitada para isto (están tamén facendo un hospital de campaña no edificio de feiras) e tivo que esperar catro horas, de tanta xente que había. Os resultados déronllos hoxe, día 30 de marzo. Deulle negativo, pero non sabemos se é porque xa non tiña o virus ou porque o tivo, pero fixo o test moi tarde. Non comprobaron se tiña os anticorpos, así que agora non sabe se é inmune ou non.
Ao seu irmán, que vive en Hamburgo, onde hai moitos máis infectados que en Berlín, déronlle os resultados no día. Pero el ten un seguro privado.
Como se ve, o problema non é tanto o virus, senón que o sistema sanitario está completamente sobrecargado (tanto hospitais como médicos de cabeceira) e case non ten recursos para afrontalo. O desmantelamento vén ocorrendo máis ou menos desde finais dos 90, pero é agora que se fai evidente. Un post dunha enfermeira berlinesa denuncia as pésimas condicións e xa leva máis de 85.000 likes.
As medidas de confinamento tomadas son moito menos restritivas que en España: aquí pódese pasear e saír a facer deporte. Segue habendo correo e entregas de paquetes e, aínda que moitos cafés e restaurantes están pechados, nalgúns pódese levar a comida ou bebidas.