Amosando publicacións coa etiqueta Austria. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Austria. Amosar todas as publicacións

mércores, 13 de maio de 2020

Guillermo Pérez | Enxeñeiro Industrial | Viena

Enxeñaría Industrial, especialidade en Deseño e Fabricación Industrial (2009) | UVigo
Vive en Viena desde 2010 e traballa como System Integrator on Metro Projects for Siemens Mobility na coordenación de parte do equipo de enxeñaría no desenvolvemento dun vehículo de metro.

A situación xeral en Austria foi sempre un chisco mellor que en España. Decretouse o confinamento na mesma data que en España, pero con moitos menos casos. Os hospitais non se saturaron en ningún momento e a taxa de mortalidade é moito menor. Sempre se permitiu pasear cos membros cos que se convive e en maio permítese tamén toparse con xente, mantendo distancias e seguindo as normas sanitarias.

No meu traballo, recomendaron e facilitaron a todos os traballadores de oficina a teletraballar, isto pasou a ser obrigatorio en abril despois dun grupo de positivos de CoVid nun laboratorio. En maio pódese volver á oficina, pero segue recomendándose o teletraballo. As oficinas teñen uña redución de capacidade, a maioría das salas de reunión están pechadas. 

A producción diminuíu pero nunca parou.

As comunicacións no traballo eran, xa antes do illamento, por videoconferencia. Polo que o cambio foi pequeno e pódese traballar con relativa nomalidade mentres a infrastrutura de telecomunicacións non se sature. No meu caso, a empresa xa estaba preparada para o teletraballo, tivo que tomar medidas para reforzar a capacidade de accesos externos ó sistema e a Intranet, pero isto tamén sucedeu nas primeiras semanas.

No meu caso particular, podo desenvolver as miñas funcións a través de teletraballo sen problemas. Teño un espazo dedicado en casa, que comparto coa miña esposa.

O principal reto para traballar con normalidade é que todo o sistema educativo deixou de ser presencial e por iso, o noso fillo de dous anos deixou de acudir á guardería. Para este fin as empresas deron permisos especiais, dun máximo de 3 semanas ata fin de maio, en coordinación co goberno para cubrir este periodo. A partir de maio, a guardería abriu a menor capacidade e o noso fillo acode nun horario reducido.

En resumo, comparando coa situación galega, sempre tivemos algunha liberdade extra que fixo que o estrés pola situación fora algo menor que en España. Hai uña comunicación clara e transparente en xeral, con algúns titubeos lóxicos por un cambio tan grande.

mércores, 8 de abril de 2020

Mar Vicente | Licenciada en Belas Artes | Viena

Licenciatura en Belas Artes (2004) | UVigo
Vive en Austria desde 2008 e traballa como artista plástica

En xaneiro do 2018 mudeime co meu marido a Shkodra-Albania, xa que alí comezou a impartir clases nun instituto austríaco, polo que trasladei o meu estudo de Viena a Shkodra. 

O 9 de marzo o ministerio albanés suspendeu as clases repentinamente por motivo do COVID-19, daquela por dúas semanas. Vendo o que xa estaba a suceder na veciña Italia, e razóns como que en Albania, e particularmente en Shkodra, o sistema sanitario é prácticamente inexistente pola falta de medios, etc, etc e que, en xeral, o sistema albanés ten outras maneiras de actuar ó que vamos denominar Unión Europea; decidimos coller o coche e marchar para Austria antes de que pecharan fronteiras (ademais tendo a referencia de China vimos con claridade que a situación ía a durar máis desas dúas semanas) 

Dadas as circunstancias profesionais, digamos nómadas, nós non temos un domicilio propio en Austria e cando mudamos a Albania rexistrámonos no domicilio dos meus sogros. 

O día 10 chegamos a Austria, non queríamos correr ningún risco (tíñamos moitos motivos que estenderían demasiado esta crónica) e decidimos “illarnos” pra evitar contacto coa familia e alugamos un apartamento nun pobo próximo. Dende entón levamos máis ou menos confinados.

Mentras tanto en Albania comeza o caos, a presenza militar nas rúas e restrinxen ó máximo todo tipo de movemento. A partir do día 13 ou 14 (non recordo ben) está prohibido usar o coche, comezan a pechar as fronteiras, voos, etc, etc

En Austria pecháronse as escolas e estableceuse o estado de alerta o luns seguinte (día 16) como en España, aínda que aquí está permitido saír a pasear, ir ó bosque, facer deporte, etc. Os casos de COVID-19 concéntranse no Tirol, a zona estivo en completa corentena e alí non se permitiu saír da casa (excepto pra comprar) ata onte. Foron aparecendo máis e máis casos con maior intensidade en zonas urbanas como por exemplo Viena, pero sen causar (de momento) o colapso sanitario. 

A miña situación profesional nestes momentos está bastante parada, a expo individual de maio anulouse e a colectiva de xuño tamén. Teño dúas máis programadas en setembro e decembro que seguramente se adiarán. Polas particulares circunstacias non podo producir-materializar a obra que tiña en plan, aínda que si proxectar e cavilar. Dalgunha maneira safo momentaneamente cos ingresos dos últimos meses que foron bastante frutíferos, pero non hai ingresos á vista do que queda de ano; produción tampouco, polo que as poucas posibilidades de venda esténdense moito máis alá dun posible fin da crise.  

Outra vantaxe que de momento me permite “respirar” bastante é que afortunadamente en Austria existe un “plan de artistas autónomos” (ó que estou inscrita), específico ó ámbito artístico e que subvenciona, por completo ou en parte, a taxa mensal de autónomos. Sempre e cando esteas na franxa dun mínimo e un máximo de ganancias e acorde ós ingresos do ano anterior. A estes fondos da KSVF  pódese recorrer tamén no caso de emerxencia económica, o mesmo pódese solicitar ó ministerio de cultura austríaco e algunhas asociacións de artistas que teñen fondos específicos para urxencias económicas extremas reais, ós que se ten acceso de inmediato. Para a crise do COVID-19 desenvolveuse tamén un plan de axudas por parte de asociacións artísticas e da KSVF.

Nestes momentos o goberno austríaco comunicou a intención de ir abrindo algún comercio máis e informa que cara ó verán posiblemente se poda viaxar dentro do país. 

Mentres tanto en Albania escasea a información, non se pode saír baixo nengún concepto, só se pode saír unha hora á semana e unha persoa de cada casa (á que se lle dá un permiso, que controlan na rúa cando te atopan). O COVID-19 tamén está presente, pero descoñecemos as dimensións. Temos que ter en conta que nun país sen medios non se poden facer test e, polo tanto, “non” hai infectados. 

Como artista sempre vivín ó día ou no curto prazo e dalgunha maneira ou doutra un vai “adiante”. Penso que pasarán uns cantos meses ata que poda aceder á miña casa e ó meu estudo. Tento manterme estable porque agora mesmo é o máis saudable.

Tamén son consciente de que a miña situación profesional en Austria é, tanto en xeral como  particularmente agora, máis favorable da que tería residindo en España.