Ángel Catalina Rubianes
Licenciatura en Ciencias Económicas e Empresariais/Sección Económicas (1998) | UVigo
Traballa na Comisión Europea en Bruxelas
É xa 21 de abril, por tanto xa un mes e medio traballando desde a casa e coa nena na casa sen escola.
A crise da COVID amósanos que a ficción non existe, que o impensable poder suceder e instalarse nas nosas vidas.
Os seres humanos, polo menos a maioría deles, somos adaptativos e facemos nosa case que calquera rutina por diferente que esta sexa respeito á que estabamos afeitos.
Traballar desde a casa facendo fronte a problemas coa rede, facer reunións cada dous días con colegas por teleconferencia ou axudar á nena cos deberes mentres contestas a un e-mail ou rematas unha simulación macroeconómica nunha folla Excel convértese no máis normal do mundo poucos días despois de non poder sequera imaxinalo.
A vida fóra volveuse aínda máis atípica e irrecoñecible que na casa. Bruxelas, unha cidade ruidosa e até caótica e sempre e chea de xente e de toda clase de vehículos con ou sen motor nun día calquera de semana, fíxo súa o silencio, un delicioso silencio. Aparecen paxaros ou patos en lugares inverosímiles, o ar sítese máis limpo e as bicicletas emerxen como vehículo supremo e domiñante durante esta etapa de confinamento. Si, de confinamento. O Goberno belga decretouno na metade do mes de marzo e prolongouno até o 4 de maio pero subliñando que as saídas á rúa están autorizadas e que mesmo aconsella facer deporte ao ar libre aos cidadáns.
Porén, o rei sol non se quixo perder este momento histórico e loce brillante case que todo os días deixándonos uns agradables e excepcionais vinte graos diarios case a diario.
Aínda que o número de falecidos por habitante por COVID é dos máis elevados de Europa, o Goberno belga xa anunciou o inicio do desconfinemnto a partir do 4 de maio aínda que de forma gradual. A primeira-ministra anunciará o venres os detalles sobre quen voltará antes e quen máis tarde á antiga "nova normalidade". A Comisión Europea, na que traballo e que ten aos seus 30 000 empregados facendo teletraballo, anunciará o seu plano de transición ao mesmo tempo. Será estraño agora que xa estabamos afeitos a isto e se cadra será descoñecido pero nos habituaremos sexa o que sexa porque somos seres humanos.