José Couceiro
Enxeñaría Técnica Forestal, especialidade en Industrias Forestais (2008) | UVigo
Enxeñaría Mecánica en Tecnoloxía da Madeira na Universidade Tecnolóxica de Luleå/Luleå Tekniska Universitet
Associate Senior Lecturer no Departamento de Engineering Sciences and Mathematics na Luleå University of Technology in Skellefteå
O primeiro caso de COVID-19 no país foi unha persoa que chegou directamente dende Wuhan (China) o 31 de xaneiro, pero o primeiro contaxio no país non se rexistrou ata o 6 de marzo. A día 9 de abril o número de casos positivos confirmados dende aquela son 8419, o número de persoas que precisaron coidados intensivos é 678 e o número de persoas falecidas é 687.
Como posiblemente sabedes, Suecia está a tomar un enfoque relativamente suave ante a pandemia, tendo como obxectivo que a enfermidade se estenda lentamente entre as persoas que non son grupo de risco mentres que se tenta illar a quen si o son, para así conseguir inmunidade de grupo. Non se están producindo grandes restricións polo de agora e o virus estase a estender polo país con bastante axuste aos modelos estatisticos da Axencia Sueca de Saúde (Folkhälsomyndigheten). As únicas restriccións agora mesmo en vigor son:
- Prohibidas xuntanzas de máis de 50 persoas
- Prohibidas visitas ás residencias de maiores
- Ensinanza a distancia para institutos e universidades
- Prohibidos os buffés de comida
O resto de medidas que se están tomando son recomendacións, como a de traballar dende a casa tanto como sexa posible, non viaxar polo país e suprimir todo contacto social cando se teña o máis minimo sintoma. Para facilitar este último punto, o goberno suspendeu o día de carencia que existe cando un traballador se ausenta por doenza. Durante a crise modificouse o número máximo de días de baixa que un traballador pode coller sen certificado médico para que pasasen de 7 a 21 días.
A nivel profesional a universidade ínstanos a traballar dende a casa na medida do posible, e a seguir as recomendacións de Folkhälsomyndigheten. As clases presenciais están suspendidas, a educación estase a facer online, incluídos os exames. Isto retrasou o calendario académico aproximadamente unha semana. Segue sendo posible acceder ás nosas oficinas e laboratorios, pero a presenza de traballadores nas instalacións da universidade reduciuse moito, tal vez un 80 pou 90 %. Nas últimas tres semanas eu despraceime ao campus catro veces para traballar en laboratorio.
A nivel persoal, ao non haber restricións, as molestias son poucas comparadas coa situación en Galicia. Penso que a poboación está a cumprir as recomendacións relativamente ben, e as medidas están a ter efecto, como reflexan os datos de, por exemplo, a expansión dos calicivirus causantes de gastroenteirite e que debería estar agora mesmo no pico anual e sen embargo caeu en picado. A vida social tamén se reduciu moito. Non se produciron situacións de desabastecemento de ningún tipo, pero si se fixeron moitos ERTES, sendo o máis sonado o da aeroliña SAS. A ausencia de clientes en tendas e restaurantes está a deixar algúns pequenos negocios en situación case que de quebra.
Espero que esta situación que estades a sufrir moito máis vos aí remate o antes posible. Moitos ánimos!