Diplomatura en Relacións Laborais (2007) | UVigo
No Reino Unido desde 2017, vive en Portsmouth
Traballa como persoal administrativo no Hospital Universitario Southampton General Hospital
Traballa como persoal administrativo no Hospital Universitario Southampton General Hospital
No Reino Unido o confinamento comezou o 23 de marzo. Despois dunha estratexia inicial baseada no “contaxio colectivo” (para aqueles que non o saiban, o Primeiro-Ministro Boris Johnson anunciou en primeiro lugar que non tomaría ningunha medida, de forma que a poboación se contaxiaría e así acabar por inmunizarse); para pouco despois mudar esta estratexia e implementar un lockdown semellante a outros países.
A miña experiencia traballando para o NHS
Como consecuencia da crise do Coronavirus, a dirección do Departamento no que eu traballaba, no Hospital Universitario Southampton General Hospital, decidiu suspender temporalmente a actividade de todo o persoal administrativo que se atopaba, coma min, contratado a través da súa ETT (agency workers), a partir do 27 de marzo. Como parte das súas medidas de social distancing.
Días antes xa se comezaba a ver e sentir un ambiente diferente. O noso volume de traballo baixou considerabelmente, xa que un gran número de pacientes cancelaban as súas consultas por medo, aínda que o hospital continuaba a funcionar con “normalidade”. Descoñezo a situación noutros departamentos e unidades.
No meu caso particular, parte do meu traballo desenvolvíase na oficina e parte na recepción, e malia ter contacto cos pacientes nesta última, non contabamos con ningún tipo de protección, máis aló de preguntar aos pacientes se viaxaran fóra do país nas últimas dúas semanas. Non era diferente para o persoal sanitario, xa que estaban a traballar completamente desprotexidos. A percepción era de gran incerteza, caos e falta de comunicación. Para min a tensión era dobre: ao coller o tren e no traballo.
Situación actual
O modelo imposto polo Reino Unido é menos estrito se o comparamos co de España. A principal diferenza é que se permite saír da casa para facer deporte unha vez ó día, limitado a non máis de dúas persoas (excepto cando se trata de persoas que viven xuntas). Sorprende a ausencia de medios de protección entre a xente que traballa de cara ao público.
Diría que na miña zona en xeral a xente está a respectar bastante estas regras malia o bo tempo que caracterizou esta Pascoa. Hai pouca presenza da policía na rúa, aínda que esta ten a autoridade para sancionar a aqueles cidadáns que incumpran as normas.
Tras a alta do Primeiro-Ministro que se está xa a recuperar no seu domicilio, as principais críticas continúan a ser a provisión insuficiente de EPIs entre o sector sanitario así como o ritmo e número de tests que se está a realizar.
A nivel persoal e sen a posibilidade de traballar dende a casa espero a resposta en relación ás axudas anunciadas polo Goberno, que aínda se deben tramitar e implementar, mentres penso cando poderei volver a Galicia e ver á miña familia.
O tempo dirá o Reino Unido se converte no país europeo máis afectado polo Coronavirus ou non, como xa vaticinan algunhas das previsións.
Namentres, un saúdo e moita forza para tod@s!