luns, 13 de abril de 2020

Alejandra Santiago | Enxeñeira en Informática | Belfast

Alejandra Santiago Veiga
Enxeñaría en Informática (2012) | UVigo
Vive e traballa en Belfast (Norte de Irlanda) desde 2013

Levo traballando en Belfast (Reino Unido) case sete anos. Vin cunha beca Leonardo da Deputación de Ourense e, ante a enorme demanda de enxeñeiros en informática, decidín quedar e probar sorte.

En xeral, en termos laborais no Reino Unido non se pode pedir máis, especialmente no sector IT. O traballador é un ben que costa moito adestrar e aporta beneficios á empresa, non custos, polo que se perde esa inversión cando o traballador decide marchar.

Polo tanto, en tempos da crise do COVID-19, que pensades que pasou no meu ámbito profesional? Protección.

Crearon unha comisión de seguimento da crise dende o momento que o virus foi detectado fóra de China, organizando as múltiples oficinas repartidas por todo o mundo en niveis de perigosidade para os empregados. Dependendo do nivel de perigosidade (Tier 1, 2, 3, 4 grao crecente) as recomendacións íanse revisando cada semana ou segundo saían novos decretos de estado dependendo do país e da OMS. As directrices podían variar: dende tomar todas as precaucións posíbeis antes de entrar na oficina á obrigatoriedade de traballar dende a casa para todo o persoal non esencial. Creáronse protocolos para a petición de material electrónico para traballar na casa e facilitouse un software para conferencias e traballo remoto.

En termos empresariais, lanzáronse ofertas para os clientes para aprazar pagos ou de captación, como ofrecer un período de proba gratis de 3 meses.

No ámbito persoal, cando a crise comezou en España a mediados de marzo tiven que tomar unha decisión bastante complexa: a de marchar á casa e traballar dende alí ou quedar.

Decidín quedar, despois de darlle moitas voltas, por non pór en risco á miña familia, polo que puidese pasar durante a viaxe de volta e porque no momento (e aínda agora) as medidas de confinamento no Reino Unido son menos agresivas que ás de España: traballar dende a casa, saídas imprescindíbeis á farmacia, supermercado e unha forma de exercicio ó dia só ou con xente que viva na mesma vivenda. Polo xeral, a xente é respectuosa coas normas, non visita a familiares e amigos fóra da vivenda e garda moito as distancias de seguridade tanto na rúa coma nos espazos pechados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario