Miguel Ángel Varela Sánchez
Enxeñaría Industrial, especialidade en Automática e Electrónica (1994) | UVigo
Traballa na Directorate-General International Cooperation and Development da Comisión Europea en Bruxelas
A situación, mais aló do xa coñecido e publicado na prensa nacional Le Soir e La Libre Belgique (confinamento decretado un día antes que en España pero sen o peche da actividade económica non esencial) é menos alarmante que en España. O problema é que as condicións do confinamento non son estritas, e os belgas (e especialmente a xente que vive en Bruxelas, que é moi diversa) están saíndo a pasear de forma multitudinaria. Veremos cual é o impacto disto na evolución da situación.
O Sistema de saúde local é excelente e a ocupación dos hospitais aínda está moi lonxe de chegar a ser crítica. Porén, a falta de EPIs e outro material específico é unha gran preocupación dende o primeiro día. Unha mostra máis da gravísima falta de previsión dos estados membros da UE neste -como noutros- aspectos.
Algo que contrasta moito co caso español -máis certamente non só estes días, senón de forma xeral- é a forma na que os responsables políticos se someten ás preguntas dos xornalistas. Aquí é impensable que a equipa de comunicación de alguén vaia filtrar as cuestións que os xornalistas, e mesmo os cidadáns, queiran facer. A transparencia é total.
Outra característica do sistema político belga que ofrece material de estudo especialmente interesante para España é o seu dislocado grao de descentralización. Cando o Ministerio de Saúde ten que tomar unha decisión vése na obriga de convocar a sete ministros de saúde mais!!! Sí, sete. Parece unha broma, mais as competencias de saúde están dispersas entre oito entidades administrativas (federal, rexional, federacións de rexións, comunidades lingüísticas, comunas...). Un disparate descomunal que responde ás continuas cesións de soberania resultado das loitas pola independencia dos flamengos, basicamente. Un estado disfuncional que xa amosou todas as suas carencias con ocasión do atentado terrorista de hai catro anos. Estes graves problemas derivados do vaciado do nivel federal do estado son equivalentes aos existentes en España debido á configuración do estado autonómico. Nunha situación como a que nos toca vivir faise patente en todas as súas dimensións o absurdo do sistema político que nos dimos os españois.
Pensar nunha UE poderosa, dotada de mecanismos de resposta europeos fronte a emerxencias deste tipo é un exercicio de funanbulismo da fantasia. O nativismo e a falta de visión estratéxica dos cidadáns, impulsados polo populismo e estulticia dalgúns dos líderes politicos conducirán a Europa á irrelevancia e aos seus pobos a repetir os erros do pasado.
Persoalmente, o confinamento resulta ser unha situación moi agradable. Podo teletraballar, a familia está comigo e xuntos podemos disfrutar da chegada da primavera desde a nosa terraza orientada ó sur, nun barrio privilexiado de Bruxelas que nos ofrece todo o que precisamos nun radio de 100 metros.