luns, 6 de abril de 2020

Robin Covelo | Enxeñaría de Minas | Dublín

Enxeñaría de Minas (2015) | UVigo
Vive e traballa en Dublín desde 2015
Enxeñeiro Eléctrico en Mainstream Renewable Power 

A resposta de Irlanda ante a ameaza do SARS-CoV-2 foi relativamente rápida, o cal é un alivio xa que o sistema sanitario non é o máis potente, cunha sanidade altamente privatizada. Afortunadamente, o número de afectados conseguiu manterse polo momento por debaixo das previsións iniciais, aínda que a curva de contaxios aínda segue medrando.

A primeira decisión do goberno foi a cancelación das celebracións e desfiles de San Patricio, a festividade nacional. Posteriormente decretouse o peche de garderías, escolas e universidades, recomendouse o teletraballo e introducíronse medidas de distanciamento social nos lugares públicos. Estas medidas estendéronse días despois ao peche dos pubs, xusto antes de San Patricio.

Na miña empresa, a actuación foi rápida e decidida. Coincidindo coa recomendación inicial do goberno o 12 de marzo, o teletraballo foi decretado para todos os empregados. No meu caso, xa viña realizando teletraballo ocasionalmente con anterioridade, polo que a adaptación non me supuxo ningún problema. Ademais de proporcionarnos o material necesario, dende a empresa tamén se veñen realizando pequenas xuntanzas virtuais para axudar a manter o contacto.

No plano persoal, coincidindo co comezo do teletraballo decidín voluntariamente limitar as miñas actividades fóra da casa, saíndo só ao supermercado e pouco máis. Pareceume o xeito máis sensato de actuar, sabedeiro como era da situación en España, nun estadio moito máis avanzado.

Ao meu redor, a situación era de falsa normalidade: a maioría da xente tentaba manter a súa vida cotiá, quizais sen ser conscientes aínda, ou quizais sen querer ver, que as medidas mais fortes acabarían por chegar. Namentres, eu seguía con desacougo e impotencia a situación no meu fogar, onde a miña familia e os meus amigos estaban confinados e os contaxios e as mortes aumentaban de xeito vertixinoso. O contraste entre ambas sensacións foi doloroso. Nunca antes notara tanto a distancia da emigración coma ata agora.

Ao cabo duns días, ante as previsións da evolución da pandemia e a inminente cancelación do tráfico aéreo, tomei co beneplácito da empresa a decisión de voltar a Galicia para pasar esta difícil situación na casa.

Tras cumprir dúas semanas de auto-illamento preventivo, ao fin volvín poder reunirme coa miña familia, e continúo traballo dende aquí mentres sigo o devir dos acontecementos en ambos lugares, agardando para voltar a Irlanda, onde no entanto se decretou o confinamento da poboación, coa excepción de pequenas saídas para exercitarse.

Unha aperta e moita forza compañeiros/as, onde queira que esteades, sairemos desta!

Ningún comentario:

Publicar un comentario