Enxeñaría Técnica Industrial, especialidade en Electrónica Industrial (2010) | UVigo
Mestrado Universitario en Mecatrónica (2013) | UVigo
Mestrado Universitario en Prevención de Riscos Laborais (2011) | UVigo
Vive en Farsund (Noruega) desde 2018
Traballa como Automation Engineer en Aludyne Norway
Escribo dende un pequeno pobo costeiro no sur de Noruega chamado Farsund, onde nestes días 3200 habitantes tentamos facer vida normal preto do mar.
Hai 4.699 casos positivos no país no momento de escribir este texto, con 40 casos xa confirmados falecidos para unha poboación total de 5,3 millóns de persoas. As medidas contra o COVID-19 son de confinamento nos domicilios para os afectados, pero ao contrario que en España, as persoas sas poden ir onde queiran se seguen unhas normas de distanciamento social. Esta situación continuará, polo que sabemos, ata despois da Semana Santa. O sistema sanitario desbordou nas primeiras semanas e Noruega mantívose cunha das proporcións mais altas de contaxio no mundo, especialmente en Oslo, pero agora a situación estabilizouse tras tomar estas medidas.
En Noruega, país tradicionalmente de agricultores e pescadores, hai un concepto practicado por toda a xente chamado "Dugnad". É unha forma de traballo comunitario colectivo no que a xente axuda aos demais con grandes tarefas, como recoller a colleita, ou construír un tellado e, como resultado, saben que sempre poden pedir axuda á comunidade cando o precisen.
A maneira en que estamos levando esta etapa de crise e illamento é coma se fose un Dugnad pero a nivel nacional, polo que hai un sentimento de responsabilidade social e espírito comunitario bastante profundo e que aínda nos permite, se non estás en corentena, que poidamos saír á rúa, ir a pasear á praia, facer sendeirismo e demais actividades fóra da casa, se o tempo noruegués o permite, sempre con precaución e en grupos pequenos.
As escolas e universidades permanecen pechadas, a maioría dos bares e restaurantes non teñen permiso para abrir a non ser que poidan garantir o distanciamento social e moitos outros negocios, coma os perruqueiros, víronse forzados a pechar as súas portas. Os supermercados aínda están abertos e provennos de guantes, auga e xabón, ou líquido antibacterial gratis ao entrar para facer a compra máis tranquilos.
As viaxes aéreas en Noruega e en toda Europa están sendo interrompidas e as fronteiras están esencialmente pechadas. Tamén, calquera persoa que viaxase ao estranxeiro nos últimos días terá que afrontar unha corentena obrigatoria de catorce días. Dous amigos meus, tamén titulados na Universidade de Vigo, tiñan planeado vir a visitarme en Semana Santa e o seu voo foi cancelado. Eu mesmo tiña una viaxe planeada nestes días para visitar á miña familia en Vigo, pero agora é imposible viaxar.
A maioría de empresas, incluídas as de petróleo, fixeron un ERTE de practicamente todo o persoal. Na miña, dedicada a automoción, xa algunhas semanas atrás puidemos comezar a ver como a xente deixaba de acudir a traballar respectando as normas de confinamento, pero a baixada de produción en China, onde temos varios clientes, fixo que ó final pechásemos temporalmente nós tamén. De todas formas, o estado está a axudar moito cos pagos dos salarios e a maioría da xente recibiremos o 100% da nómina durante varias semanas.
Así que, por agora, os non afectados polo virus temos a sorte de poder facer vida case normal, dentro e fóra da casa, con precaución e esperando que isto termine pronto e afecte ao menor número de familias posible.
Unha aperta moi forte!
Ningún comentario:
Publicar un comentario