martes, 8 de decembro de 2020

Alba Iglesias | Diplomada en Relacións Laborais

Alba Iglesias Alonso

Diplomatura en Relacións Laborais (2007) | UVigo

Traballa como Documentation Administrator en Portsmouth (Inglaterra)

O pasado mércores 2 de decembro rematou o confinamento (“lockdown”) no Reino Unido. Despois de catro semanas nas que só os negocios e servizos esencias permaneceron abertos, voltamos unha vez máis ao “tier system”. Que esencialmente consiste na clasificación das rexións en 3 niveis diferentes segundo nivel de risco. Cada tier consta de restricións diversas, aínda que con algunhas diferenzas con respecto á primeira onda. Portsmouth, onde eu vivo, atópase en tier 2 (risco alto). Situación na que se encontra agora mesmo aproximadamente a metade do país.

Esta pasada semana tamén se anunciaba unha noticia importante: a aprobación da vacina (autorización de emerxencia) por parte do Reino Unido, converténdose no primeiro país en facelo. Unha decision que está a xerar un gran debate.

Nestes últimos meses cambiei de traballo e agora traballo para unha empresa do sector biotecnolóxico. Ésta é unha das áreas que sufriu un impacto positivo como consecuencia da Covid e o desenvolvemento da vacina.

Na miña empresa parte do persoal traballa desde a casa. Hai uns meses instalaron paneis divisorios entre as mesas en todas as oficinas e o uso da máscara é obrigatorio en todas as zonas comúns e sempre e cando non se estea a traballar desde o escritorio propio. Ademais cada mañá mídennos a temperatura antes de entrar na oficina.

Creo que a resposta da poboación durante esta segunda onda da pandemia é diferente, porque a xente está bastante cansa psicoloxicamente. Con todo están as persoas que respectan as normas e as que non (coma sempre). Pero todos coinciden nun sentimento xeral de apatía.

A situación para nós os emigrados de cara ao Nadal preséntase bastante complicada. Ao prezo dos voos xa de por si alto nesta época do ano, hai que sumarlle agora o prezo dos tests debido á recente medida de presentación obrigatoria dunha PCR negativa para a entrada en España. A adopción desta medida está a recibir moitas criticas. A priori paréceme unha medida lóxica pois esta é de momento o tipo de proba con maior fiabilidade. O problema é que ademais de custoso, facerse unha PCR convértese nunha verdadeira operación loxística pola necesidade de cadrar datas e disponibilidade. Debido ao aumento da demanda, algunhas clínicas xa non dan citas ou non poden garantir o resultado do test a tempo para voar.

Unha aperta grande a todos os galegos espallados polo mundo e boas festas; tanto a aqueles que as poidan pasar en casa coma aos que non.