Fabiana López Peleteiro
Diplomatura de Mestra en Educación Infantil (2010) | UVigo
Vive e traballa en Londres desde 2014
Chámome Fabiana López Peleteiro e son orixinaria de Ponte Caldelas. Foi no 2014 cando cheguei a Londres na procura dunha mellora da lingua inglesa para poder competir con máis vantaxe cos meus compañeiros de Maxisterio. Si, estudei Educación Infantil na Facultade de Ciencias da Educación e o Deporte en Pontevedra e rematei no ano 2010. Presenteime ás oposición varios anos sen éxito.
Cando un chega a un país foráneo ten que se adaptar á cultura e costumes do mesmo, co cal comecei con diversos traballos para adaptarme ao cambio até conseguir traballar finalmente como mestra en diferentes garderías da cidade londinense. Aquí é habitual que as persoas busquen novas oportunidades e mesmo fagan un alto no camiño e troquen de profesión de forma temporal. Este foi o meu caso, troquei e agora estou a traballar dende á casa como Asistente Persoal. Son a encargada de preparar unha website dedicada a produtos de beleza así como facer as xestións pertinentes para rexistrar a empresa, buscar provedores, etc.
Pero todo mudou hai unas semanas. Cando se empezou a escoitar que un virus invadira a cidade de Wuham, chegaron novas sobre un matrimonio chegado do estranxeiro co mesmo virus do que se falaba na China. Así comezamos pouco a pouco neste país, sen alarmar a poboación polo que nos caería enriba, así até hai poucos días cando o Primeiro-Ministro compareceu para verificar a gravidade da situación e pedir á poboación que fique na casa e que só saia para mercar, ir a una cita médica ou saír a facer exercicio una vez por día.
Os ingleses aínda non se decataron do perigo da situación que todo o planeta está a vivir e seguen a saír aos parques e usan o transporte público sen necesidade. É moita a xente que leva máscara, mais o que sorprende son as escasas medidas de protección que aplica toda a xente que está a traballar de cara ao público. Somos moitos os que traballamos desde as casas mais como seguen a manter abertos todos aqueles locais de comida para facer entrega no domicilio, son bastantes as persoas que teñen que expoñerse e saír traballar, así como profesionais da sanidade, transportes, etc.
Mais a pesar de este ser un país forte economicamente, acontece no que noutros, está a faltar material de protección para médicos e enfermeiras e mesmo respiradores e todo o material para sandar os pacientes. As camas son insuficientes e están a pensar na posibilidade de facer hospitais de compaña en naves industriais, así como solicitar á poboación que axuden o sistema de saúde pública, por iso piden colaboración para transporte de persoas que van procurar medicinas ao hospital ou a entrega de comida nos domicilios de persoas dependentes.
Teñen un teléfono a disposición do usuario mais deixaron claro que non necesitan saber se estás mal, a non ser que as condicións nas que un se atope sexan moi adversas e haxa que ingresar.
Pola outra banda, aquelas persoas que perdemos o traballo inminentemente podemos optar a una axuda do goberno, pouco diñeiro, mais axuda a fin de contas.
Espero que acordemos logo deste pesadelo e poidamos seguir loitando por facer realidade os nosos soños.
Ningún comentario:
Publicar un comentario