Enxeñaría de Telecomunicación (2013) | UVigo
Principal Engineer en Cambridge Consultants (Inglaterra)
Ao tempo que estou escribindo esta crónica, estou escoitando a Boris Johnson introducir novas medidas para loitar contra o COVID-19. O goberno está forzando o peche de bares, teatros, ximnasios e centros comerciais. Esta é un pouco a tónica que estamos vivindo aquí, inicialmente o goberno non tomou ningunha medida, pero vendo que a situación está empeorando día a día tamén as restricións do goberno. Ao mesmo tempo que se están a anunciar medidas para apoiar as empresas economicamente e evitar despidos debido a esta extraordinaria situación.
No aspecto persoal eu penso que e inevitable non estar preocupado, é moita a incerteza que estamos vivindo. E como bos seres humanos, e mais difícil vivir cando non sabes o que te espera ao dobrar a esquina. As medidas que estou tomando son traballar desde casa, e evitar situacións sociais, saio da casa só para facer exercicio.
E digo “estou” porque non é obrigatorio, non todo o mundo está a facer o mesmo. É importante saber que no Reino Unido o goberno só está a aconsellar medidas, non impoñelas. Non hai policía nas rúas mandando xente para casa e calquera pode saír se así o desexa. Nada está prohibido, pero piden a colaboración da cidadanía.
Sorprendeume moito a resposta das empresas aquí en Cambridge. Na miña opinión, tardaron moito en tomar medidas. É verdade que se o goberno non o aconsella, non “deberían” facer nada, e tamén podo ver o impacto económico que causa nunha empresa mandar os seus empregados para casa, pero desafortunadamente co COVID-19 estamos falando dalgo máis que diñeiro. Pero tamén entendo que algunhas das decisións foron tomadas co obxectivo de manter os traballos da xente, o problema é que a xente primeiro ten que sobrevivir para logo manter o traballo.
A noticia positiva é que temos grupos en Facebook onde xente en confinamento pide axuda se necesita comida ou medicamentos, especialmente para a xente maior ou en risco debido a outras condicións de saúde. Estes grupos están divididos por zonas na cidade (polo menos en Cambridge) e facilita moito a axuda para aqueles que mais o necesitan.
En xeral, isto é o que temos, moito do que está pasando está fora de meu control, eu só podo protexerme e esperar que o que fago sexa suficiente para evitar contraer o virus. Tamén sei que as miñas accións poden ter importantes repercusións noutra xente e iso é outra motivación para levalas a cabo. Eu fágoo “por min e por todos os meus compañeir@s” e perdoade a comparación, pero isto non para de recordarme a aquel ultimo/a compañeiro/a que cando era pequeno salvaba ao resto xogando a “pita”. Desafortunadamente, hoxe todos temos a oportunidade de ser esa persoa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario