xoves, 2 de abril de 2020

Ángel Álvarez | Dr. Enxeñeiro Industrial | Trondheim

Enxeñeiro Industrial, esp. en Mecánica (2011) | UVigo 
Doutor (2016) | UVigo
Investigador na Universidade Noruega de Ciencia e Tecnoloxía (NTNU) en Throndheim

A situación xeral en Noruega é dun confinamento moito máis flexible que en Galicia. Houbo peche xeral de colexios e garderías, moita xente está traballando desde as súas casas e houbo unha cancelación de maior parte de tráfico aéreo internacional (non así do nacional). Existen recomendacións nos supermercados en canto a distancias de seguridade, hixiene, etc., pero en xeral non existe escaseza de produtos. Por outro lado, en Noruega está permitido o paseo, practicar deporte ao aire libre, etc. Tal é o nivel de permisividade con certas actividades que en Trondheim, cidade na que eu vivo, houbo saturación dos autobuses cara as pistas de esquí mentres en Galicia xa se estaba entrando no estado de alarma. Desafortunadamente o tempo non dá tregua e non é sinxelo aproveitar esta vantaxe que temos en Noruega. 

Nas universidades, que é o que me atangue a nivel laboral, houbo tamén un peche case completo. A docencia pasouse a dixital para o que resta de semestre, incluíndo exames e avaliacións. Houbo un esforzo moi importante por parte da nosa universidade, NTNU, para formar en tempo récord ao profesorado nas diferentes ferramentas para facer posible esta docencia en liña. 

Outra medida adoptada polas universidades norueguesas foi a restrición do acceso aos laboratorios e a redución ao máximo do persoal técnico nos mesmos. Isto implica que só se poden rematar os experimentos que xa comezaran antes desta situación, pero non se poden realizar aquelas campañas xa programadas pero non iniciadas. Ademais obrigou á reformulación dos Traballos Fin de Grao e de Mestrado que tiñan actividades experimentais para que os alumnos podan realizar todas as tarefas sen acceder ás instalacións universitarias.  
  
Para min como investigador e neste momento concreto non existe unha gran diferenza entre o traballo desde casa ou nunha oficina. A meirande parte das miñas actividades implican estudos numéricos, dimensionamento de equipos, preparación de informes, etc., e dispoño de todas as ferramentas e accesos desde o salón da miña casa. Porén, vinme afectado pola anulación dun congreso e pola máis que probable cancelación dunha reunión en Dinamarca dos colegas que participamos nun proxecto europeo en sistemas con bombas de calor con refrixerantes naturais. Algo positivo que podemos sacar desta situación é darnos de conta de que algunhas das reunións e viaxes de traballo que se facían poden aforrarse ou substituírse por unha reunión virtual. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario