xoves, 2 de abril de 2020

Diego Campos | Diplomado e Graduado en Traballo Social | Colonia

Diego Campos Seijo
Diplomatura en Traballo Social (2003)
Grao en Traballo Social (2014)
Traballador Social nunha casa de acollida para menores refuxiados non acompañados para a asociación Auf Achse KJSH desde xullo de 2014 en Colonia (Renania do Norte-Vestefalia) 

Con respecto ao Coronavirus, coido que en termos xerais a situación en Alemaña estáse a levar dun xeito máis laxo, no senso de que as medidas adoptadas non foron tan drásticas coma noutros países.

En NRW (Nordrhein-Westfalen/Renania do Norte-Vestefalia), o estado no que resido, as escolas están pechadas dende o pasado 13 de marzo ata despois das vacacións de Pascua (20 de abril). As universidades (o cal aféctame persoalmente, xa que estou matriculado para o vindeiro semestre de verán) tiveron que retrasa-lo mesmo un mes, que estaba previsto para o 30 de marzo. Así mesmo, dende o día 17 están pechados os comercios (salvo os esenciais), os restaurantes (que só traballan a domicilio ou “para levar”), centros deportivos e de lecer, etc.

Penso que, en xeral, durante os primeiros días da crise moi poucos alemáns tomaron a problemática en serio, pese a que as autoridades recomendaban precaucións. Tivo que intervir Angela Merkel na televisión pública o día 18 para recalcar que o pais atópase ante o maior reto da súa historia dende a Segunda Guerra Mundial, e que como tal debería ser tomado pola poboación.

Non foi ata o pasado domingo día 22 cando, tras reunión telemática da Chanceler cos Ministerpräsidenten dos dezaseis Bundesländer, establecéronse unha serie de medidas de protección de obrigado cumprimento a nivel federal (hai que recordar que ao ser unha república federal cada Land/Estado pode decretar as súas propias medidas e que poden variar en función da situación de cada un). Entre elas, está a de permanecer nos domicilios sempre que sexa posible, podendo saír, xa sexa ao traballo ou a pasear ou a facer deporte, como máximo de dous en dous (as reunións de tres ou máis persoas non están permitidas) e mantendo unha distancia de alomenos metro e medio. Renunciouse polo tanto ao confinamento total, o cal as autoridades tentan evitar polo de agora, quizáis tendo en conta a súa historia recente, así como as negativas consecuencias que unha medida así traería consigo.

Con respecto á baixa mortalidade que está a rexistrar o pais, non parece haber unha explicación concreta. En contra das publicacións de que Alemaña non está a contabilizar correctamente as defuncións (o cal parece non ser certo), o Instituto Robert Koch explica que entre os diversos motivos pódense atopar tanto a robustez do sistema hospitalario, que presenta un maior ratio de camas de UCI por habitante (29/100.000 hab.), coma a grande capacidade das autoridades para realizar probas a poboación (uns 500.000 por semana). Ademais, aseguran que a idade media da poboación infectada e moito menor que noutros países (cerca do 80% de infectados son menores de 60 anos).

No meu caso, ao tratarse o Traballo Social dunha profesión “imprescindible” teño que seguir exercendo, se ben baixo unhas condicións máis favorábeis (menos horas semanais sen redución salarial, maior protección hixiénica, etc).  Por outra banda, persoalmente optei por non saír de casa máis que para o estritamente necesario (traballar, mercar, facer de deporte), ademais de utilizar o meu coche para desprazarme, prescindindo do transporte público.

Ningún comentario:

Publicar un comentario