mércores, 8 de abril de 2020

Paula Rivas | Dra. e Licenciada en Bioloxía | Praga

Paula Rivas 
Licenciatura en Bioloxía (2009) | UVigo
Doutora en Neurociencias (2016) | UVigo
Postdoc no Instituto de Medicina Experimental (CAS) en Praga

Na República Checa actualmente temos uns 5000 infectados por coronavirus e case una ducia de mortes, co cal a cifra está bastante ben, en comparación con outros países europeos, sobre todo e por desgraza con España. As medidas de contención e hixiene tomáronse bastante axiña o que axudou a non propagar o virus moi rápido e a que os hospitais o poidan soportar bastante ben. De feito agora, nos hospitais checos se están acollendo enfermos provenientes doutros países.

Como en moitos países europeos, as tendas están pechadas, tamén os restaurantes e cafeterías, negocios...coa diferenza de que aquí permítennos camiñar pola rúa sen preguntarnos a onde imos e tamén podemos facer deporte ou camiñar polos parques e pola natureza, así que estes días que fai bo tempo hai bastante xente na rúa. Con diferenza a España, aquí é obrigatorio o uso de mascarilla na rúa, no transporte e en sitios públicos. De feito, estes días estendeuse de forma viral un video do goberno checo que incentiva o uso da mascarilla incluso máis alá das fronteiras checas, sen embargo non está moi claro a relación do uso da mascarilla co relativamente pouco número de infectados aquí. Pero a verdade é que a xente respeta moito esa norma e toda a xente leva a mascarilla e mantén unha distancia prudente.

O goberno checo vai comezar os próximos días a levantar algunha prohibición e ver así como avanza a cousa. A min persoalmente paréceme moi precipitado. A verdade é que aquí lévase bastante ben a cuarentena debido a que se pode saír un pouco á rúa, aínda que non é recomendable. Persoalmente eu vou traballar todos os días ó laboratorio porque non me topo con moita xente de camiño, e os laboratorios son bastante seguros, en comparación con, por exemplo, os supermercados onde se xunta máis xente, aínda que non chegamos os niveis de España fai algunhas semanas.

Con todo isto, esperemos que esta situación finalice o antes e o mellor posible. E que as consecuencias económicas, sociais e psicolóxicas non sexan moi acusadas. Moito ánimo a todos!

Ningún comentario:

Publicar un comentario