martes, 7 de abril de 2020

Carlos Cernadas | Dr. Diplomado en Relacións Laborais | Belém

Diplomado en Relacións Laborais (1996) | UVigo
Máster en Lingüística e suas Aplicacións (2011) | UVigo
Doutor en Lingüística e suas Aplicacións (2014) | UVigo
Vive en Belém (Amazonia brasileira) e é Profesor Titular da Universidade Federal do Pará (UFPA)

En Brasil, a pandemia está marcada por unha preocupante tripla crise (sanitaria, económica e política). A posición oficial do Goberno está fragmentada: mentres o Presidente e algúns ministros insisten en desaconsellar o illamento, o Vicepresidente, os outros ministros e a cúpula militar defende a necesidade de tomar medidas para limitar o contacto social. Este conflito leva á inacción do Goberno central. Por iso, os gobernadores e os alcaldes están a adoptar, nos seus ámbitos de xestión, as medidas necesarias para limitar o movemento das persoas.

Na miña opinión, hai tres circunstancias que van marcar a intensidade da pandemia en Brasil: a concentración da poboación en favelas con condicións de salubridade precarias, a falta de formación de gran parte da poboación, o que a fai máis vulnerable aos bulos, e o papel da poderosa igrexa evangélica brasileira, que apoia ao presidente e que desaconsella o illamento. Tamén é reseñable que grupos de empresarios organizáronse e presionan para impedir as medidas de illamento, manifestándose nas rúas.

Na cidade na que vivo, Belém, aínda que a situación é menos preocupante polo momento, a maioría de establecementos comerciais están pechados. Con todo, moitas persoas non están concienciadas da gravidade da situación e seguen frecuentando os parques e realizando reunións e celebracións. Tamén quero destacar que xa se produciron os primeiros contaxios nas aldeas indíxenas da rexión, o que é preocupante, pois xeralmente atópanse moi distantes dos núcleos de poboación onde poden recibir asistencia sanitaria.

No meu caso particular, a universidade na que traballo suspendeu as actividades o 15 de marzo por tempo indeterminado. Nun primeiro momento comezamos a dar clase a distancia, pero debido a que un significativo número de alumnos non ten acceso a internet pola súa situación económica, a Institución decidiu paralizar as clases. Persoalmente, estou preocupado pola situación post-pandemia, pois o goberno xa estaba a executar unha dura política de austeridade con conxelacións salariais e recortes de gastos públicos, principalmente en educación e sanidade. Ademais, o poder adquisitivo dos brasileiros vén caendo mes a mes e o real xa se depreciou un 30% en 2020.

Ningún comentario:

Publicar un comentario