venres, 3 de abril de 2020

Manuel Montes | Enxeñeiro Técnico Industrial | Farsund

Enxeñaría Técnica Industrial, especialidade en Electrónica Industrial (2010) | UVigo
Mestrado Universitario en Mecatrónica (2013) | UVigo
Mestrado Universitario en Prevención de Riscos Laborais (2011) | UVigo
Vive en Farsund (Noruega) desde 2018
Traballa como Automation Engineer en Aludyne Norway

Escribo dende un pequeno pobo costeiro no sur de Noruega chamado Farsund, onde nestes días 3200 habitantes tentamos facer vida normal preto do mar.

Hai 4.699 casos positivos no país no momento de escribir este texto, con 40 casos xa confirmados falecidos para unha poboación total de 5,3 millóns de persoas. As medidas contra o COVID-19 son de confinamento nos domicilios para os afectados, pero ao contrario que en España, as persoas sas poden ir onde queiran se seguen unhas normas de distanciamento social. Esta situación continuará, polo que sabemos, ata despois da Semana Santa. O sistema sanitario desbordou nas  primeiras semanas e Noruega mantívose cunha das proporcións mais altas de contaxio no mundo, especialmente en Oslo, pero agora a situación estabilizouse tras tomar estas medidas.

En Noruega, país tradicionalmente de agricultores e pescadores, hai un concepto practicado por toda a xente chamado "Dugnad". É unha forma de traballo comunitario colectivo no que a xente axuda aos demais con grandes tarefas, como recoller a colleita, ou construír un tellado e, como resultado, saben que sempre poden pedir axuda á comunidade cando o precisen. 

A maneira en que estamos levando esta etapa de crise e illamento é coma se fose un Dugnad pero a nivel nacional, polo que hai un sentimento de responsabilidade social e espírito comunitario bastante profundo e que aínda nos permite, se non estás en corentena, que poidamos saír á rúa, ir a pasear á praia, facer sendeirismo e demais actividades fóra da casa, se o tempo noruegués o permite, sempre con precaución e en grupos pequenos.

As escolas e universidades permanecen pechadas, a maioría dos bares e restaurantes non teñen permiso para abrir a non ser que poidan garantir o distanciamento social e moitos outros negocios, coma os perruqueiros, víronse forzados a pechar as súas portas.  Os supermercados aínda están abertos e provennos de guantes, auga e xabón, ou líquido antibacterial gratis ao entrar para facer a compra máis tranquilos.

As viaxes aéreas en Noruega e en toda Europa están sendo interrompidas e as fronteiras están esencialmente pechadas. Tamén, calquera persoa que viaxase ao estranxeiro nos últimos días terá que afrontar unha corentena obrigatoria de catorce días. Dous amigos meus, tamén titulados na Universidade de Vigo, tiñan planeado vir a visitarme en Semana Santa e o seu voo foi cancelado. Eu mesmo tiña una viaxe planeada nestes días para visitar á miña familia en Vigo, pero agora é imposible viaxar.

A maioría de empresas, incluídas as de petróleo, fixeron un ERTE de practicamente todo o persoal. Na miña, dedicada a automoción, xa algunhas semanas atrás puidemos comezar a ver como a xente deixaba de acudir a traballar respectando as normas de confinamento, pero a baixada de produción en China, onde temos varios clientes, fixo que ó final pechásemos temporalmente nós tamén.  De todas formas, o estado está a axudar moito cos pagos dos salarios e a maioría da xente recibiremos o 100% da nómina durante varias semanas.

Así que, por agora, os non afectados polo virus temos a sorte de poder facer vida case normal, dentro e fóra da casa, con precaución e esperando que isto termine pronto e afecte ao menor número de familias posible. 

Unha aperta moi forte!

Juan Álvarez | Enxeñeiro Técnico en Informática de Xestión | Toquio


Enxeñaría Técnica en Informática de Xestión (2007) | UVigo
Vive en Toquio desde 2017

Traballa como Solution Architect en MediaKind Global


A situación do país a día de hoxe non é mala. Hai aproximadamente uns 2000 casos contabilizados, pero nos últimos días houbo un reponte nos mesmos debido ás festas dos cereixos en flor (unha das tradicións máis importantes en Xapón que xunta milleiros de persoas cada ano por estas datas).


En Xapón non hai medidas estritas de cuarentena, só hai recomendacións por parte do goberno. En febreiro, tivemos en Yokohama un barco ancorado con moitos casos e aínda non habendo casos en terra, xa se suxeriu que a xente non collera o tren en hora punta e que traballaran remotamente na medida do posible.

Na miña empresa o traballo en remoto está completamente asumido fai tempo, e xa todos podemos traballar desde casa sen ningún problema. Persoalmente, procuro saír de casa só para comprar e pouco máis.

Sen embargo, moita xente continúa traballando na oficina e a realidade é que se poden ver os trens cheos na mañá. Non hai ningunha restrición para bares e restaurantes polo que a maioría seguen abertos.

A situación parece estar cambiando nos últimos días debido ao reponte de casos, e o goberno xa fechou os parques para evitar aglomeracións de xente que quer ir mirar os cereixos ademais de que algunhas cadeas de restaurantes están comezando a fechar as portas. Polo de agora non hai desabastecemento nos supermercados máis que o papel hixiénico e as máscaras. Nos últimos días parece que outros alimentos como a pasta ou a carne desaparece rápido dos supermercados e non é mala idea ir a supermercado pola mañá.

A próxima semana vai ser crítica, xa que levamos varios días con un novo máximo de contaxiados e hai posibilidades de que as cifras se descontrolen.

Sonia Bellón | Licenciada en CC e Tecnoloxía dos Alimentos | Sydney

Enxeñaría Técnica Agricola, esp en Industrias Agrarias e Alimentarias (2000) | UVigo
Licenciatura en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos (2004) | UVigo
Vive en Sydney desde 2012
Traballa como HSE Business Partner no departamento de Seguridade, Saúde, Ambiente e Calidade como responsable do estado de Nova Gales do Sur (NSW) e a Australian Capital Territory (ACT) en Schneider Electric (sector da enerxía e automatización)


Polo traballo que desempeño na empresa, a COVID-19 aféctame moi de cheo, xa que parte das miñas tarefas é velar pola seguridade e saúde dos nosos empregados. 

A situación actual do meu país de adopción é bastante mellor que a de España, a día de hoxe (03/04/2020): aquí temos 5,224 casos e 23 persoas falecidas, pero, considerando que o primeiro caso diagnosticado foi o 25 de xaneiro, a nosa progresión é bastante mais lenta que a de outros países do mundo que xa sobrepasan os 100.000 casos. 

O Goberno Australiano implementou medidas de seguridade dende fai varias semanas que están funcionando bastante ben. Como en España, aquí tamén está case todo pechado menos Centros de Saúde, Hospitais, Supermercados e outros servizos básicos, e temos que permanecer na casa. A maior diferenza que eu vexo en comparación con España é que aquí está permitido saír da casa a facer exercicio sempre e cando non vaimos máis de dúas persoas xuntas e manteñamos a mínima distancia de seguridade de 1,5m, o cal é un alivio moi grande e axuda moito a levar mellor o confinamento.

Con respecto á situación laboral, moita xente que traballaba no sector servizos, tendas de roupa e aeroliñas perderon o seu traballo, pero o Goberno concédelles una axuda hasta que esta situación mellore. 

A miña empresa implementou un plan de segregación no cal os empregados somente poden ir á oficina durante a semana que teñen asignada e só se é estritamente necesario, coa aprobación da xefa de Seguridade e Saúde para así minimizar a posibilidade de contaxio ao mínimo. 

Hai certos sectores como a construción, por exemplo, que de momento tamén continúan traballando pero a policía esta a facer moitos controles para asegurarse que a poboación mantén as distancias de seguridade e as medidas impostas polo Goberno, ademais de poñer multas de $11000 se se incumpren estas medidas e incluso mandar xente á cadea dependendo da situación. 

Na miña empresa si é verdade que nos esta custando bastante atopar xel desinfectante de mans e máscaras para os empregados, porque están esgotados en case todos os provedores, e os que os teñen reducen os nosos pedidos o 70% para gardar subministros para o persoal sanitario. O cal entendemos perfectamente. 

O sistema sanitario empeza a sufrer as consecuencias da COVID-19, pero para nada esta tan saturado como aí. 

Alimentos como a pasta, salsa de tomate, fariña, ovos e carne escasean un pouco nos supermercados pero aínda vas atopando algo. Con respecto ao tema do papel hixiénico, aquí segue sendo un ben moi prezado, vaia eu non me lembro de velo nos estantes dende hai moitas semanas. 

Nuria Sánchez | Dra. Enxeñeira Industrial | Gante

Nuria Sánchez
Enxeñaría Industrial, esp. en Mecánica (2006) | UVigo
Doutora en Enxeñeria de Materiais (2010) |  Universidade de Ghent
Vive desde 2005 en Gante (Flandres)
Traballa en ArcelorMittal

A resposta de Bélxica á COVID-19 foi máis coordinada do que cabía esperar dun país fragmentado por nacionalismos e sen conseguir formar goberno dende as últimas eleccións celebradas hai case un ano. 

A historia é parecida a doutros países, o SARS-COV-2 chegou a Bélxica a principios de febreiro en persoas evacuadas de Wuhan, na rúa a vida seguía con normalidade. O 11 de Marzo reportáronse as tres primeiras mortes por COVID19, o goberno decidiu fechar os bares, as escolas, fechar as tendas ao fin de semana excepto as de alimentación e recomendou o teletraballo. Estamos todos na casa dende entón teletraballando coa tele de fondo mentres os pequenos ven os debuxos ou seguen as clases online. O día 17 de marzo fecharon definitivamente as tendas, excepto alimentación e farmacias. Uns días máis tarde fecharon as fronteiras. 

A maior diferenza con España é que en Bélxica saír á rúa é posible e recomendado para facer exercicio ao ar libre; pero con xente da casa ou con amigos, mantendo a distancia recomendada (1,5 m). Hai bastante discusión sobre esta media porque a policía quer que se definida mellor, como en Francia, onde está limitado o tempo e a distancia da casa. 

Unha das medidas máis aplaudidas do goberno (temporal) foi a organización a principios de marzo dun comité de científicos epidemiólogos a virólogos, para xestionar a crise que aconsella o goberno na toma de decisións. Este grupo de científicos son os portavoces que cada día dan a cifras oficiais, son entrevistados polos medios de comunicación, participan nos programas de opinión da televisión... noutras palabras, convertéronse nos protagonistas estas semanas, foi unha boa maneira de evitar politización da crise. 

As estatísticas a estas alturas son tan preocupantes coma noutros países, aínda distan das terribles noticias que chegan de Bergamo ou Madrid. Os medios reportan cada día os casos de ingresados en hospitais, ingresados na UCI, altas e baixas. Os problemas aos que se enfronta Bélxica son moi similares ao resto de países: falta de capacidade para facer test, problemas de abastecemento de material de protección para persoal sanitario, número limitado de camas na UCI... A cifra total de baixas e superior a 1000 persoas e a ocupación da UCI anda preto do 50% de media, despois de case tres semanas de mobilidade reducida. Até fai uns dias a capacidade de análise era de 2000 test por día, agora aumentou a 10000 por día. Nun país de 11 millóns de habitantes parece pouco probable que cada caso de infección se detecte con esta capacidade. 

xoves, 2 de abril de 2020

Isabel Rodríguez | Enxeñeira de Organizacion Industrial | Amsterdam

Enxeñaría de Organización Industrial (2013) | UVigo
Xerente de calidade de fornecedores na rexión EMEA en Philips

Como primeira medida, os eventos de máis de 100 persoas foron prohibidos en Holanda. Unha semana despois todos os eventos públicos foron cancelados. Pouco despois, aplicáronse restriccións á entrada no país.

Semellaba que as medidas irían a máis, pero xa daquela o goberno foi rotundo en que o país non se ía pechar. En xeral, un sentimento de atender á economía primeiro, e logo á saúde. Despois de máis dun mes – un mes!- nada cambiou nese eido. A xente pode saír fora pero con restricións. Ás veces aplican, ás veces non...

Hoxe o goberno estendeu a orde de traballo dende a casa ata finais de abril e continúa o peche de escolas e negocios- outras medidas seguen ata xuño-. Tamén adoptaron un fondo para acalmar a carga financeira das empresas holandesas.

Nestas últimas semanas as diferenzas culturais, de mentalidade e o que é moral e socialmente aceptable entre España e Países Baixos foi protagonista nos medios. Dende a miña posición, non estou sorprendida e é que ese choque xa o experimentei ó emigrar, e non foi doado. 

É certo que a reputación de España de cara ó exterior non é boa: máis ben dun país incapaz de xestionar os recursos propios e sen seriedade política. A atención sanitaria aquí é totalmente privada -eu digo, máis que un dereito, un negocio- desas nas que che miran o número antes de aceptarte e na que cobran as urxencias se o medico estima “que non era tal”. Pero tamén dicir que o seguro médico na maioría dos casos inclúe a saúde mental. E non cho discuten. En Holanda os maiores non viven coas familiar polo xeral, senón sós ou en residencias. En moitos casos son os maiores os que esixen vivir por si mesmos, e morrer por si mesmos. Na miña opinión persoal é mellor que non enfermes aquí e, se o fas, énchete de paciencia e emprega todas as técnicas de persuasión para facerlle entender ao doutor que precisas atención. Todos sabemos que é así, tamén os holandeses. E aceptámolo.

Dende o punto de vista profesional, síntome protexida. Dende cedo a miña empresa restrinxiu as viaxes e o traballo nas oficinas e liñas de produción aos mormente necesarios. No meu caso, levaba traballando a distancia durante case 3 anos, o que non é excepcional nas empresas aquí. Así que non foi difícil adaptarse, o maior problema foron as visitas ás oficinas no país e aos provedores, especialmente aqueles cos que debiamos tratar temas de calidade con urxencia. Entre o grupo comezamos a compartir formas de xestión dos provedores a distancia, como facer auditorías empregando os medios dixitais. Coido que conseguimos abranguer boa parte das actividades que precisabamos. Os empregados tamén comezaron iniciativas para estar conectados os uns cos outros, como xogos virtuais, facer exercicios físicos e de relaxación xuntos diante da cámara.

A nivel persoal, lévoo ben. Pensa que en Holanda os círculos sociais son mais ben pequenos e todo o exterior á familia require  “cita na axenda”. Despois de oito anos, creo que me adaptei a ese xeito de vida. Pero si, atópome moi preocupada pola familia e por España, nestes tempos pensas nas poucas ocasións que un ve á familia, e como o imprevisible pode facer que te arrepintas de non estar preto deles. Chamámonos todos os días, eles preocupados, eu preocupada. Pero as dúas partes facemos todo por manternos con saúde e poder reencontrarnos de novo este ano.