sábado, 21 de marzo de 2020

Eva Macía | Licenciada en ADE | Wolverhampton

Licenciada en Administraciónn e Dirección de Empresas (2007) | UVigo
Diplomada en Ciencias Empresariais (2005) | UVigo
Mestrado Universitario en Innovación Industrial e Optimización de Procesos (2010) | UVigo
Finanzas públicas na Inglaterra desde 2013

Na altura do 21 de marzo (sábado), o Reino Unido aínda non impuxo medidas de confinamento da poboación. Escolas, bares, restaurantes, ximnasios, permanecen cerrados desde o venres 20 pola noite. O primeiro anuncio de medidas desde o goberno fíxoo o primeiro-ministro Boris Johnson o luns 16 de marzo. De forma resumida, aconsellou o traballo dende casa e evitar en todo o posible reunións sociais.

Na organización na que traballo, a semana anterior á comparecencia do primeiro ministro, xa un 35% do persoal (1.350 empregados) traballamos desde casa como proba. A xunta directiva preparouse para a chegada de medidas de confinamento e garantir a continuidade dos servizos. Desde o mércores 18 de marzo a posición da miña organización foi dar prioridade ao teletraballo e protección dos empregados. Polo de agora sabemos que o tempo mínimo de teletraballo vai ser un mes. A nivel laboral, o único que teño son boas palabras, síntome protexida e amparada. 

De un día para outro a nosa ferramenta de traballo principal pasou a ser Microsoft Teams. Mantemos as mesmas reunións, vía vídeo conferencia, e o chat arde con preguntas rápidas. Está sendo unha experiencia positiva, e falar cos compañeiros como o faría se estivera na oficina axúdame moito, sempre hai chistes e bromas. Como opinión persoal, o que creo é que desde onde traballo nos estamos preparando para unha carreira de fondo.

Vivo nunha poboación a 40 minutos de Birmingham, onde estou cursando un mestrado de finanzas públicas. O último día das miñas aulas presenciais foi o martes 17 de marzo. A partir desa data e, como mínimo ata o 31 de maio, todas as clases van ser impartidas online. O centro actuou moi rápido. Todo segue segundo o planeado, datas de exames, tutorías, todo. 

No tocante á poboación, sempre hai de todo, pero o último día que viaxei en tren a diferenza en número de viaxeiros comparada cun día normal foi abismal, de viaxar de pé e coma nunha lata de sardiñas, a quedar a metade dos sitios libres. Incluso a estación principal da cidade de Birmingham non parecer a mesma, polas poucas cabezas que vin.

Desde a miña experiencia, os centros, organizacións e cidadáns responden ás medidas de prevención antes de que as impoña o goberno, o que non deixa de asombrarme. Asúmese a responsabilidade sen necesidade de que a impoñan, sábese que isto depende de todos. A responsabilidade é asumida en xeral, menos á hora de comprar papel hixiénico, que leva esgotado máis dunha semana.

A nivel persoal, o que máis me preocupa é que algo lle pase a seres queridos e estar a 1.700km de distancia. Seguro que isto é un sentimento compartido, non importa onde vivamos. Sei que esta vai ser a temporada máis larga que vou pasar sen poder abrazalos. Por sorte, todos os días pola tarde fago unha vídeo chamada cos meus familiares máis próximos, e iso é marabilloso!. Non teño ningunha persoa cercana afectada polo COVID-19, o que me axuda enormemente a levar a situación de forma optimista. Aínda que a miña premisa é “esperar o mellor e preparase para o peor”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario