sábado, 21 de marzo de 2020

Martín Fernández | Licenciado en Belas Artes | California

Martín Fernández
Licenciatura en Belas Artes (2003) | UVigo
Marketing Manager en California (EUA) desde 2009 nunha compañía chinesa do sector da importación

En xaneiro deste ano regresei de Nanjing, China, o mesmo día que saltaba ás noticias o brote infeccioso de Wuhan. Á miña chegada a Los Angeles fun informado por un axente de inmigración acerca da situación. Inmediatamente comezaron a sentirse os efectos na miña empresa. Cos voos dende China cancelados, a división americana tivo que facerse cargo dos stands en feiras de América e Europa, dividindo recursos e persoal para facelo posible. Nese momento, ninguén no lado norteamericano estaba a prever o espallamento do virus a nivel global. Ante a carencia de máscaras e outro equipamento sanitario en China, a nosa compañía adquiriu subministracións e enviounos á sede chinesa como doazón.

As últimas semanas estiveron marcadas pola incerteza. Por un lado, seguindo con preocupación as noticias de Italia e España; para a maioría das persoas aínda se vía o problema como algo afastado, e mesmo houbo quen apuntaba ao carácter chapuceiro dos latinos europeos como agravante da situación. Malia que se empezou a ver a persoas usando máscaras máis frecuentemente, non foi até o fin de semana do 7 ou 8 de marzo que se empezou a sentir un certo temor: o papel hixiénico estaba a desaparecer nas tendas. A moi americana reacción de facer aprovisionamento de artigos para emerxencias activouse de súpeto. Pronto artigos como o pan de molde, a manteiga de cacahuete, os produtos conxelados e o leite eran difíciles de atopar. O xel desinfectante esgotado. As medidas foron chegando pouco a pouco. Primeiro pecharon as escolas, logo as empresas comezaron a mandar a xente á casa. Os restaurantes aguantaron abertos -e cheos de xente, hai que dicilo- ata que chegou a orde de peche. Onte chegounos a orde do Gobernador Newsom de permaneceren nas casas. Hoxe xa se rumorea a desdobramento da Garda Nacional para manter a orde e facer fronte a posibles saqueos. Máis na rúa segue habendo tráfico rodado e xente facendo deporte.

En xeral, o sentimento é bastante optimista e confiado. Non está a falecer moita xente, polo de agora, e vese máis como un descanso que coma unha emerxencia. Sempre hai quen di que isto é un invento dos medios liberais para derribar a Trump, ou quen frivoliza coa idea de que os novos non son poboación de risco. Da xente sen fogar non se fala. Tampouco se fala do sistema de saúde, que se verá desbordado a niveis catastróficos se a situación adquire os niveis de Italia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario