luns, 23 de marzo de 2020

Sandra Lois | Licenciada en Filoloxía Inglesa | Londres

Filoloxía Inglesa (2013) | UVigo
Xefa de Ano e profesora de español de ensino secundario en Londres desde 2014

A situación actual do coronavírus no Reino Unido está a ser igual de surrealista que no resto do mundo cunha diferencia e é que temos dons psíquicos que nos permiten ver o futuro. Non porque o virus mutara en traer poderes, senón porque o virus chegou o Reino Unido máis tarde, o que significa que podemos ver nos xornais o que nos espera nunhas semanas cando esteamos na mesma situación que Italia, España ou Francia. 

O Primeiro-Ministro do Reino Unido ten a economía como prioridade o que significa que non quer parar o país por mor das consecuencias desastrosas que iso traería á economía. O sentimento que máis predomina na poboación nestes intres é a incerteza. O goberno está a falar ao país cada tarde pero cada día as noticias cambian, non hai suficiente información e a situación non fai máis que empeorar. 

O goberno pediu a principios de semana que ningún colexio cerrara para poder manter a economía a flote. Isto significou que os profesores e os rapaces seguían estando expostos ao virus. Se a iso lle sumamos que bares, restaurantes, cines e teatros seguían abertos e o transporte público funcionaba igual ca sempre, o nivel de contaxios quedaba claro que só ía ir a peor. 

O meu instituto viuse forzado a pechar para os pequenos (1º,2º e 3º de ESO), xa que non tiña persoal para poder dar clase. Dende o goberno pediuse para evitar o contaxio, que se alguén na familia tivese febre ou tose, a familia completa debía illarse durante catorce días e, se vivían sós, logo eran sete. Eu mesma caín enferma con febre e tiven que quedar na casa onde aínda estou illada sen poder saír nin ao súper nin á farmacia para evitar o contaxio. A pregunta é ¿pero teño coronavirus? A resposta ninguén a sabe porque o goberno decidiu non facer probas a ningún paciente que presente síntomas a non ser que necesite ser hospitalizado por problemas respiratorios. Se pensamos nas cifras que aparecen nos xornais todos os días, decatarédesmos de que o Reino Unido ten que ter moitos máis infectados dos que saen na tele xa que non está a facer as probas a ningún dos que presentan síntomas salvo que sexan graves. 

A presión dos sindicatos fixo que Boris Johnson (actual Primeiro-Ministro) tivera que tomar una determinación, que chegou coa confirmación de que os colexios terán que permanecer pechados para todos excepto para os fillos dos traballadores chave. A lista foi publicada o venres 20 de marzo e inclúe fillos de profesores, sanitarios, traballadores do transporte público, nos servizos sociais, nos corpos de seguridade e no ámbito alimenticio. Tamén implica que os exames oficiais de final de secundaria e bacharelato (o que para nós sería a antiga reválida e o selectivo) quedan suspendidos, deixando una morea de nenos sen idea do que vai pasar co seu futuro e as súas cualificacións. O mesmo día, Boris tamén decretou o peche dos bares, restaurantes e cinemas. 

O goberno xa tiña pedido precaución e distanciamento social pero, como pasou en España, a xente non estaba a cumprir coa precaución polo que os restaurantes e os establecementos de lecer aínda tiñan xente. 

A maior preocupación no Reino Unido neste momento é o chamado “panic buying” onde a xente está comprando dun modo masivo que fai que os máis vulnerables que non poden poñerse na cola do súper as 7 da mañá, estean a ter problemas para encontrar produtos de primeira necesidade. Os estantes están baleiros e a xente anda a rifar por coller o último rollo de papel. Isto fixo que os supermercados introducisen límites de produtos e tamén que a primeira hora da mañá sexa só para os compradores de idade avanzada. 

Unha das ironías da vida, fixo que esta fin de semana o tempo fora especialmente bo, cun sol e unha temperatura moi agradable que levou aos británicos, que non ven moito o sol, a saíren aos parques e aos paseos. Ten toda a pinta de que o Primeiro-Ministro terase que ver forzado a establecer unha cuarentena igual que fixeron os demais países pero, polo da agora, estase a resistir a facelo para seguir protexendo a economía. Mentres tanto, as mortes superan xa 280 e a xente non parece tomarse en serio as preocupacións pedidas polos servizos sanitarios, xa desbordados cando o peor da epidemia aínda está por chegar. Só cabe esperar, que o goberno actúe pronto para protexer a saúde dos seus cidadáns.

Ningún comentario:

Publicar un comentario