xoves, 26 de marzo de 2020

María J. Moldes | Diplomada en Educación Infantil | Reino Unido

María J. Moldes
Diplomatura de Mestre/a en Educación Infantil (1998) | UVigo
Mestra de alumnos/as TEA nun colexio de primaria


O peche de colexios no Reino Unido
A decisión do primeiro-ministro de pechar todos os colexios (pero con excepcións) o pasado venres día 20 de marzo ata novo aviso, é moi preocupante para todos os mestres/as e demais persoal e, por suposto, tamén para pais e o resto da poboación.

A mensaxe non foi nada clara, e cada colexio tomouna de xeito moi distinto. As portas dos colexios pechan, pero fillos e fillas dos chamados key workers (unha lista moi longa de profesionais e outros traballadores como persoal sanitario, traballadores de supermercados, persoal de educación...) poden seguir indo, para que os seus pais poidan ir traballar para combater o COVID-19. Ademais destes nenos, tamén nenos/as considerados/as de risco poden seguir indo ó colexio.

Por unha parte, temos pais de alumnos/as vulnerables que non entenden a información dada polo goberno que di que os pais deben deixar os fillos/as na casa para evitar o contaxio e a propagación. E, por outra banda, a incompetencia dos directivos dos colexios que non saben como levar a cabo esta tarefa tan difícil de organizar, sen un guía e sen tempo real para poñer en marcha medidas eficaces. Os centros escolares pechan o venres e abren de novo o luns, pero nunhas circunstancias moi diferentes.

O exemplo do meu colexio deixa moito que desexar, xa que non cumprimos coas normas de distanciamento ditadas polo goberno que, en teoría, son obrigatorias; poñendo en risco a profesionais, alumnos/as e, consecuentemente, as súas familias e ao resto da poboación, xa que a propagación do virus continúa.

Esta situación é moi preocupante para todos, pero pode ser aínda máis para aqueles que están en contacto con familiares noutros países (que están pasando polo mesmo) e, polo tanto, son coñecedores da aprobación e posta en práctica doutras medidas . 

Panorama xeral
A xente aínda non está tomando a situación en serio, incluído o goberno. Non se están respectando as medidas necesarias para parar o virus. 

O primeiro-ministro deu a mensaxe de “quedade na casa” pero sen tomar ningunhas medidas para facelo posible. En consecuencia, no día a día, a xente segue saíndo á rúa, indo traballar, collendo medios de transporte e, como dixemos antes, algúns colexios seguen coas portas abertas para algúns alumnos... 

Pese a que se aprobou outra nova lei que especifica que sitios públicos, bares e restaurantes deben pechar as súas portas, a poboación non parece reaccionar. A non ser esa xente, en estado de pánico que, de forma moi egoísta, vai comprar alimentos en cantidades desmesuradas, deixando á xente que vive ao día sen suficiente produtos básicos, incluídos comida. Este é o caso dos pensionistas que cobran unha vez á semana; da xente con poucos recursos económicos e que depende das axudas do goberno ou, mesmamente, xente que ten coidadores unha vez á semana para facerlle a compra, entre outros casos.

En fin, unha confusión total en todos os sensos posibles. Ademais as cousas seguen cambiando cada día.

Ningún comentario:

Publicar un comentario